-
O novo equipamento obtívose grazas á convocatoria competitiva para infraestruturas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades
-
Permitirá o desenvolvemento de novas liñas e proxectos de investigación punteiros a grupos de investigación do IIS Galicia Sur e da súa contorna
O IIS Galicia Sur incorpora ás súas instalacións novo equipamento punteiro, obtido grazas á subvención concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria de adquisición de equipamento científico-tecnolóxico 2018. A proposta presentada, “Fortalecemento e integración das plataformas de Xenómica e Bioloxía Celular mediante técnicas avanzadas de fraccionamento celular para a análise de ácidos nucleicos por Dixital PCR”, financiarase con case 300.000 € que se destinarán á adquisición de tres equipos (ultracentrífuga, bioanalizador e PCR Dixital) que permitirán a aplicación de técnicas avanzadas de fraccionamento celular para a análise de ácidos nucleicos (ADN e ARN).
A investigadora que lidera a proposta, Eva Poveda, responsable do Grupo de Viroloxía e Infectoloxía do IISGS, considera que “a incorporación destas novas plataformas ao Instituto producirá un gran salto de calidade para os nosos proxectos de investigación” e que “este equipamento permitirá desenvolver proxectos máis innovadores no IISGS, mellorando a relevancia e transferencia de resultados, e aumentará as sinerxías entre grupos e as colaboracións coa contorna industrial”. Diversos grupos do Instituto serán usuarios directos das novas infraestruturas, coma os grupos de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, Neurociencia Traslacional, Microbioloxía e Infectoloxía, Patoloxía Dixestiva e Inmunoloxía. Ademais, dada a versatilidade do novo equipamento, moitos outros grupos internos e externos ao IISGS poderán beneficiarse do seu uso para ser máis competitivos nas súas respectivas áreas de coñecemento. Entre as entidades que xa manifestaron o seu interese nesta tecnoloxía están o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, o Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS), o Hospital Universitario Germans Trias i Pujol, o Centre de Recherche en Myologie de París e o University Hospitals Cleveland Medical Centre, de EE. UU.
Visita nuestras redes sociales